viernes, 27 de septiembre de 2024

PREMIOS DO COMERCIO GALEGO 2024

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 18 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios do Comercio galego 2024 (código de procedemento IN214C).

Obxecto e ámbito da convocatoria
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios do Comercio galego, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, co obxectivo de recoñecer o labor dos/das profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades (código de procedemento IN214C).
Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio 2024, cunha contía de 5.000 euros.
b) Premio Comercio Traxectoria 2024, cunha contía de 3.000 euros.
c) Premio Comercio Emprende 2024, cunha contía de 3.000 euros.
d) Premio Comercio Dinamización 2024, cunha contía de 5.000 euros.
e) Premio Comercio Consumo responsable 2024, cunha contía de 3.000 euros.

Características dos premios
1. Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:
a) Premio Comercio 2024.
Recoñecerase o establecemento comercial que exemplifique os valores do sector comercial de proximidade mediante a implantación dun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos.

b) Premio Comercio Traxectoria 2024.
Recoñecerase a persoa cunha longa e consolidada traxectoria profesional comercial que pola súa permanencia e continuidade cree un vínculo de especial arraigo coa súa vila.

c) Premio Comercio Emprende 2024.
Recoñecerase o establecemento comercial novo que ofreza á clientela unha experiencia de compra diferenciada.

d) Premio Comercio Dinamización 2024.
Recoñecerase a implantación do mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial nos últimos tres anos (2022-2024) co obxectivo de incrementar as vendas e potenciais clientes/as.

e) Premio Comercio Consumo responsable 2024.
Recoñecerase o mellor proxecto ou iniciativa de promoción do consumo responsable.

2. Cada candidato/a non poderá percibir máis dun premio.
3. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria vixente.

Requisitos de participación
1. Poderán optar ás distintas categorías:
a) Premio Comercio 2024.
As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Premio Comercio Traxectoria 2024.
As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade mínima de trinta anos.

c) Premio Comercio Emprende 2024.
As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade de entre dous e catro anos.

d) Premio Comercio Dinamización 2024.
As asociacións e federacións de comerciantes retallistas e as asociacións de persoas vendedoras das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Premio Comercio Consumo responsable 2024.
As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade, e as asociacións e federacións de comerciantes retallistas e asociacións de persoas vendedoras das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cada persoa ou entidade interesada presentará unha única candidatura para optar aos premios do Comercio galego, marcando na solicitude (anexo II) o recadro correspondente á modalidade a que opta.
3. A participación das persoas interesadas supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.