INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2024 as axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas, con carácter plurianual, que se tramitarán co código de procedemento VI435B.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, sempre que se trate de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.
b) As persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
c) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
d) As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
e) As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas que precisen aloxamento para si ou os seus familiares, as sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo.
f) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios, que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.
g) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente a suficiente prazo coa propiedade, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.
h) As persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras ou actuacións non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria e ambas as partes acorden que a arrendataria custee ao seu cargo as actuacións de mellora da accesibilidade, con cargo a parte ou á totalidade da renda arrendaticia.
2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
3. Non poderán obter a condición de beneficiaria destas axudas as persoas ou entidades que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin aquelas ás cales se lles teña revogado algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa que lles sexa imputable.
4. As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non poderán ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
5. As persoas ou entidades beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das obras e actuacións para a mellora da accesibilidade. Cando se trate de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, o importe da axuda deberá repercutirse entre as persoas propietarias de vivendas e, de ser o caso, as persoas propietarias de locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.
Non obstante o disposto no parágrafo anterior, se algún dos membros da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorre nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, non recibirá a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida. Esta parte ratearase entre os restantes membros da comunidade ou agrupación.
6. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) núm. 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.