CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e establecer as bases reguladoras das axudas deste programa.
Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados
1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II desta orde.
No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematadas, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:
a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.
b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.
2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos, ornamentais ou instalacións ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.
3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria subscrita polo/a técnico/a competente e deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.
4. No caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario contar co correspondente informe de avaliación de edificios, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, así como co acordo validamente adoptado da comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as.
5. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude das axudas.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. Non obstante, no caso de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as só poderán ser beneficiarias as persoas que sexan membros da dita comunidade e en función da súa porcentaxe de participación nas obras, todo isto sen prexuízo do sinalado no artigo 4.3.
2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.
3. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (en diante, IPREM), definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía, que se considera unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos das unidades de convivencia, no seu cómputo anual, incluídas as dúas pagas extras.
Para estes efectos, entenderase por unidade de convivencia o conxunto das persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares.
3. Para poder acollerse ás axudas económicas directas os ingresos non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.
4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.